As familias dos cen galegos que xacen no Val dos Caídos terán “practicamente imposible” identificalos. Así o anunciou onte no Congreso o vicepresidente primeiro do Goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba, un anuncio que supón un duro pau para as numerosas asociacións dedicadas á recuperación da memoria histórica, que levan anos esixindo que o Goberno permita poñerlle nome e apelidos ás vítimas que acollen os muros da basílica madrileña. En Cuelgamuros atópanse máis de 33.800 falecidos na Guerra Civil de ambas as dúas faccións enfrontadas, tal e como reflicte o informe forense encargado polo Ministerio de Xustiza. O Goberno elaborou este documento despois dunha iniciativa presentada en 2009 por IU, ERC, ICV e outra de Na Bai, que reclamaban a cuantificación desas persoas e o seu posterior traslado.
Rubalcaba explicou que, en total, se realizaron 491 traslados levados a cabo entre 1959 e 1983. Do total dos cadáveres, 21.423 están identificados e 12.410 figuran nos arquivos do Patrimonio Nacional como “descoñecidas”. Francisco Franco tiña previsto que só os mortos en combate do seu bando repousaran no lugar, pero como as obras se prolongaron máis do previsto ordenou que o recinto se enchera tamén con vítimas republicanas. As familias con falecidos no conflito non deron ningún permiso para o traslado deses corpos.
“complexidade extrema”
O vicepresidente primeiro do Goberno revelou que, ante a demanda dos particulares que solicitaron a exhumación dos seus parentes, a identificación está a ser “dunha complexidade extrema”. Por elo, está previsto que o ministro da Presidencia se reúna hoxe con once representantes de familias con vítimas inhumadas na xigantesca tumba para informalos das “consecuencias” do informe forense.
Sobre o futuro do enclave, Rubalcala lembrou que a Lei de Memoria Histórica prohibe a súa utilización para enxalzar a ditadura franquista e apuntou a posibilidade de que “conserve a súa condición de lugar de memoria” dentro do “espírito de reconciliación e pluralismo” que se prevé na lexislación. Neste sentido, anunciou a creación dunha comisión de expertos para “formular propostas” para o lugar, onde tamén están soterrados o propio Franco e Primo de Rivera, fundador de Falanxe.
D. Prieto - www.Xornal.com (5-mai-2011)
Ningún comentario:
Publicar un comentario