martes, 20 de novembro de 2012

Acto de Memoria 16 de Nov. Manifesto



MANIFESTO (ACTO EXTERIOR “MARCO”)

  Ningúen se inventa de novo cada día. As persoas e as sociedades necesitan da memoria para saber o que son, para saber de onde veñen a ata incluso para ter algunha idea a propósito de onde ir. Hai unha época do noso pasado non tan pasado sobre a que caeu durante moitos anos a pesada lousa do olvido. A longa noite de pedra do franquismo agochou feitos, nomes e lugares en relación coa represión que seguíu ó golpe de Estado contra a República o 18 de xullo de 1936.
  Neste mesmo lugar, que hai máis de 70 anos era Pazo de Xustiza, cárcere e cuartel, o cuartel no que tiña a súa sede a máxima autoridade militar de Vigo, o comandante Felipe Sánchez, neste mesmo lugar, pola tarde do día 19 de xullo de 1936 imprimiuse o bando que ía declarar ó día seguinte a rebelión da guarnición militar de Vigo contra a República. Daquela, proclamar o bando de guerra, anular a autoridade lexítima da República e comezar a represión foi todo un. A media mañá do 20 de xullo de 1936, na Porta do Sol, cando un piquete de soldados ás ordes do capitán Carreró lía o bando de guerra contra a República, caeron as primeiras vítimas entre os que non querían que as armas cambearan o que facía uns meses decidiran as urnas. Os que perderan as eleccións en febreiro de 1936  impuñan coa forza das armas  un cambio político que ía traer cárcere, morte e olvido para os que escolleran ser fieis a República e defender a legalidade constitucional.
  Neste mesmo lugar no que hoxe estamos,  un mes despois, o 22 de agosto de 1936, tivo lugar o proceso máis importante dos que se seguiron na nosa cidade contra dirixentes da Fronte Popular. Ós cinco días daquela farsa xudicial, o 27 de agosto de 1936, dez homes, pagaron coa súa vida a lealdade á República.
  Fracasado o golpe de Estado contra a República, a guerra civil serviu para que os que sublevaron contra ela limparan a fondo o país e puideran xustificar como actos de guerra a cacería humana e a represión salvaxe que comezou coa guerra e seguiu despois dela. A xeografía daqueles lugares da represión debe ser sinalada como lugares de memoria.
  Por rigor histórico, non podemos reconstruir o noso pasado esquecendo aquel tempo de cacería humana, os nomes das vítimas e os lugares onde morreron asasinados.
  Por saúde mental, non podemos preferir o olvido a memoria. Unha sociedade democrática madura cando asume tanto as luces coma as sombras do seu pasado.
  Por xustiza, no podemos esquecer a xente que neste país deu a súa vida por defender a lei, non podemos esquecer as familias que durante moito tempo foron sinaladas por seren fillos, maridos ou mulleres dos “roxos”. Non podemos esquecer a humillación e o medo que se instalaron nas súas vidas.
  Hoxe son os historiadores e as asociacións pola memoria histórica os que estamos enchendo o insoportable baleiro que creou a ditadura e logo mantivo a democracia. Temos que encher este baleiro cos nomes das vítimas e os lugares nos que morreron asesinadas porque hai unha batalla que non podemos perder, a batalla contra o olvido.
Nin cremos que a guerra civil fora inevitable, nin que todos foran iguais nin estamos cunha tímida lei de memoria histórica.
  Porque recuperar a memoria non abre feridas, senón que as cerra; porque non queremos ter na nosa historia recente páxinas en branco; porque non hai árbore que medre sen raíces; porque non queremos ser cómplices dun pacto de silencio e porque estamos convencidos de que unha sociedade xusta e democrática non pode construir o seu futuro negando o seu pasado, a “Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 quere sinalar hoxe este lugar de memoria para coñecemento da cidadanía dos feitos que nel ocurriron e quere con este acto facer unha vez máis presente a memoria das vítimas daquela barbarie e o facemos pola súa memoria e pola nosa memoria.
-AUTOR: Antonio Giráldez Lómba (Historiador)

Ningún comentario:

Publicar un comentario