venres, 11 de marzo de 2011

Documento no que fundamenta xurídicamente a petición para que o Concello "proceda de maneira inmediata á retirada da “cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo,


A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 (Viguesa Distinguida 2007) presentou no Rexistro do Concello de Vigo, o xoves día 10  o documento no que  fundamenta xurídicamente a súa petición para que o Concello "proceda de maneira inmediata a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado “cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo, propiedade do Concello de Vigo".
Consideramos que a situación actual non é  propia dunha democracia.
A Asociación leva pedindo ser recibida polo Excmo. Alcalde da nosa cidade - o alcalde debe ser o alcalde de todos-  máis de dous anos. Sen resposta ata o de agora.
 
 
A Directiva.



 

AO SR. ALCALDE DE VIGO.                   



TELMO COMESAÑA PAMPILLÓN, con D.N.I. nº …., como presidente da ASOCIACIÓN VIGUESA POLA MEMORIA HISTÓRICA DO 36,  VIGUESA DISTINGUIDA 2007
con CIF G-36969855 e domicilio para notificacións en ……… de Vigo (36212), perante Vde. comparezo e DIGO:

            Que por medio do presente escrito e no exercicio do dereito fundamental de petición do art. 29 da Constitución Española,  regulado na Lei Orgánica 4/2001, de 12 de novembro, formalizo a seguinte

PETICIÓN

            Que en virtude do disposto no art. 15.1 da Ley 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a dictadura (coñecida como Lei da Memoria Histórica), que obriga as administracións públicas a tomar as medidas oportunas para a retirada de obxectos ou mencións conmemorativas da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da dictadura;

            proceda de maneira inmediata a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado “cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo, propiedade do Concello de Vigo.

           



A esta petición sonlle de aplicación os seguintes

            FUNDAMENTOS DE DEREITO

            I.- Lexitimación:
            A activa a ten a Asociación que represento xa que é titular do dereito fundamental de petición do art. 29 da Constitución, segundo dispón o art. 1 da L.O. 4/2001, de 12 de novembro, reguladora do dereito de Petición, xa que se trata de unha persoa xurídica legalmente constituida.
            A pasiva a ostenta o Concello de Vigo por ser o ente administrativo obrigado a actuar, segundo a Lei 52/2007, da Memoria Histórica.

            II.- Competencia:
            O Concello de Vigo ten competencia para resolver a presente petición, segundo establece o art. 2 da L.O. 4/2001, por ser propietario do obxecto a retirar en cumprimento da Lei que obriga as administracións públicas a actuar ó respecto.

            III.- Obxecto:
            Constitúe o obxecto de esta petición a exixencia de que o Concello de Vigo cumpra as obrigas que se lle impoñen na Lei 52/2007, e, concretamente, que adopte as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado “cruz dos caídos” sito no monte do Castro de Vigo, por constituir un elemento de exaltación colectiva da sublevación militar, da Guerra Civil e da dictadura franquista, como se acredita mediante o Dossier “A cruz dos caídos do Castro de Vigo. Testimonio da ignominia, vergoña do municipio”, elaborado pola Asociación que represento no ano 2010 e cuxa copia achego xunto co presente escrito.
            Na Lei 52/2007 non existe nengún procedemento específico para a aplicación da normativa reguladora, segundo establece o art. 3 da L.O. 4/2001.

            IV.- Procedemento:
            No prazo de dez días o Concello ten que comunicar o acuse de recibo da presente petición, segundo obriga o art. 6.2 da L.O. 4/2001.
            O Concello de Vigo está obrigado a tramitar e responder esta petición no prazo máximo de tres meses, e dado que a mesma está fundamentada no art. 15.1 da Lei 52/2007, ten obriga de atendela e adoptar as medias oportunas para a retirada definitiva do obxecto denominado “cruz dos caídos” sito no monte de Castro, segundo establece o art. 11 da L.O. 4/2001 reguladora do Dereito Fundamental de Petición.
            No caso de que ese Concello declare a inadmisión da presente petición, non responda no prazo establecido ou a resposta non atenda a petición baseada na Lei 52/2007, esta Asociación acudirá ó procedemento especial contencioso-administrativo de protección dos dereitos fundamentais.

            V.- Urxencia na tramitación.
            Tendo en conta que a primeira petición de retirada do obxecto mencionado data de 17 de abril de 2008 (rexistro de entrada nº 80047594), e foi reiterada o 6 de agosto de 2008 (rexistro de entrada nº 80098451), o 31 de maio de 2010 (rexistro de entrada nº 100076283) e o 23 de agosto de 2010 (rexistro de entrada nº 100110314), que o mantemento do obxecto mencionado constitúe un aldraxe para as víctimas da represión franquista de Vigo, que a súa retirada foi reclamada por 4.046 cidadáns e 30 asociacións e colectivos de Vigo (como se acreditou co noso escrito de 31 de maio de 2010) e que supón un flagrante incumprimento da Lei nº 52/2007 da Memoria Histórica, debe procederse a darlle tramitación urxente e preferente a esta solicitude.
           
            VI.- Solicitude de audiencia especial.
            Tendo en conta as circunstancias concorrentes, expresamente solicitamos que o Alcalde nos reciba na audiencia especial recollida no art. 11.1 da L.O. 4/2001 de Dereito de Petición, a fin de que explique as razóns da resistencia do Concello de Vigo a cumprir a Lei da Memoria Histórica e a levar a efecto a retirada do obxecto mencionado a pesares das reiteradas peticións de asociacións e cidadáns.




            SOLICITO que tendo por presentado este escrito e por formulada petición en exercicio do dereito fundamental recollido no art. 29 da Constitución, e ó amparo do disposto na Lei Orgánica 4/2001, proceda a acusar recibo da mesma, dicte resolución de admisión e resolva favorablemente sobre o peticionado, procedendo á maior brevedade a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado “cruz dos caídos” sita no monte do Castro de Vigo en cumprimento do disposto no art. 15.1 da Lei 52/2007 da Memoria Histórica.

            En Vigo a 7 de marzo de 2011



            ADEMAIS DIGO que intereso se reciba a representantes de esta Asociación á audiencia especial regulada no art. 11.1 da L.O. 4/2001, a fin de que o Sr. Alcalde explique os motivos da demora e resistencia a retirar o obxecto mencionado e a cumprir a Lei 52/2007, coñecida como da Memoria Histórica.

            SOLICITO así se acorde.

Mesmo lugar e data

Ningún comentario:

Publicar un comentario