venres, 18 de marzo de 2011

Dous novos traballos editoriais

Para coñecer mellor o franquismo en Galiza, dous libros aprofundan no estudo do franquismo en Galiza:
'A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra', de Gonzalo Amoedo, editado por Xerais, e
'Historia dun ermo asociativo', de Daniel Lanero (publicado por TresCtres).
Mercado de abastos no tempo de Franco Mercado de abastos no tempo de Franco
Dous libros con distinta orixe chegan ás librarías cun fin compartido. Solventar aos poucos un déficit que sofren os estudos sobre a nosa historia máis recente desde a ausencia clamorosa de investigacións sobre as estruturas sociais e políticas que foron quen de manter o poder franquista en Galiza. Se ben era preciso, aínda que tamén se abordou con adiamento, coñecer o escenario represivo e as loitas de resistencia, por razóns de necesidade e xustiza, que se abriron tras o 1936 e a posguerra, era sorprendente que a análise do poder franquista nas nosas vilas, cidades e aldeas, tan todopoderoso e intenso, non merecese da atención dos investigadores. Desde a historia local realizáronse enormes avances e algún deles, como o achegado por Félix García Yáñez sobre as terras do Barco de Valdeorras, mesmo pode considerarse como modélico. Mais tamén desde as universidades galegas abríronse liñas investigadoras que comezan a producir froitos sinalados desde traballos que desentrañan claves da malla de poder instalada polo réxime do xeneral Franco en Galiza tras o golpe de estado contra a legalidade republicana.
Acreditado coñecedor da represión na provincia de Pontevedra, Gonzalo Amoedo López avanza se cabe máis na súa caracterización e protagonistas senlleiros logo de publicar unha documentada obra que suma outra considerábel cantidade de datos sobre o poder provincial franquista. A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra (Xerais) é a aproximación máis ampla que hoxe se pode reunir sobre os apoios políticos que entre a poboación civil acadaron os militares españois que se alzaron en xullo do 36. Un achegamento á consolidación do pensamento fascista por medio da Falange e a decidida aposta pola represión deste partido xunto ás forzas militares alzadas e posteriormente asentadas. Tamén a clara implicación da xerarquía católica co proceso represivo e a demostrada relación de homes, tristemente famosos, como Víctor Lis Quibén con toda unha serie de asasinatos programados a fin de exterminar os grupos sindicais, de esquerda e galeguistas. Amoedo, como é habitual nos seus estudos, aposta por visibilizar os nomes e os apelidos dos represores, dos militares que presidiron e participaron nos consellos de guerra e de toda a nómina de persoas que engrosaron as hostes da Falange e o Movimiento Nacional. O papel da Falange na primeira posguerra e logo do proceso de estabilización, tamén é ofrecido nunha obra que mesmo achega un percorrido pola actitude dos falangistas e dereitistas logo da morte do ditador e a apertura do proceso de democratización en Concellos e deputacións.
Outra entrega, de compacta estrutura académica, aparece ofrecida por Daniel Lanero Táboas e a súa Historia dun ermo asociativo (TresCtres). Un amplo tomo que lle dá á nosa historiografía o que de xeito preciso se escolle como subtítulo do libro. Un estudo polo miúdo dos labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galiza baixo o franquismo. Aínda que centrado no territorio galego, o tecido da obra agacha en clave contextual un solvente estudo do papel que o franquismo, desde diversas e variadas políticas e estruturas, en todo o territorio do Estado español. Un contexto que lle serve a Lanero para concretar ou procurar as particularidades de Galiza malia o escaso dinamismo das normas e lexislacións do sindicalismo vertical franquista. O primeiro papel do líder falangista Gerardo Salvador Merino, con presenza activa en Galiza no 36 e que tivo unha vida certamente novelesca, o tímido comezo do asociacionismo franquista no campo sobre as ruínas do sindicalismo agrario de esquerda e mesmo católico, ocupan as páxinas máis relevantes dunha obra que aborda todos os intentos e inventos gremiais dos xerarcas  da Falange e o Movimiento a fin de aplicar, con enormes fracasos, tanto unha política de control social como, máis desde a retórica, procesos que eles entendían como de modernización. O papel das Hermandades de labradores y ganaderos, o cooperativismo e as cámaras sindicais agrarias circulan polas décadas do franquismo en Galiza cun claro papel vertebrador do poder ditatorial e, ao entender de Lanero, incapaces de lle ofrecer ao campo galego políticas positivas que mellorasen, malia intentos máis piadosos que reais, a calidade de vida dos labregos e labregas. Con Historia dun ermo asociativo dáse un importante paso adiante na análise dun amplo sector da sociedade galega que foi colaboracionista activo cos militares alzados en armas en 1936 e que se configurou como parte daquela tupida estrutura de poderes coa que se mantivo en pé o franquismo en Galiza. / (XEA)

(http://www.anosaterra.org/nova/51286/para-conecer-mellor-o-franquismo-en-galiza.html)



Ningún comentario:

Publicar un comentario