venres, 2 de setembro de 2011

Convocatoria aberta pola retirada da Cruz do Castro.

faveclogo.png        Logo%2Bcolor.jpg

CONVOCATORIA ABERTA A COLECTIVOS SOCIAIS E ORGANIZACIÓNS
POLA RETIRADA DA CRUZ DO CASTRO

MÉRCORES 7 DE SETEMBRO ÁS 20:30H NA FEDERACIÓN VECIÑAL

A todo o tecido social, sindical e político da cidade de Vigo.


A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo "Eduardo Chao" e máis a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 anunciamos o pasado mes de xullo a nosa intención de impulsar unha grande convocatoria social, aberta e plural, para demandar a retirada da Cruz do Castro, un dos últimos símbolos fascistas que inda permanecen lamentabelmente na cidade. Esa convocatoria pretendemos que cristalice nun acto reivindicativo, nunha grande concentración cidadá o vindeiro 14 de setembro, por ser a data na que ese monumento á barbarie fascista cumprirá 50 anos desde a súa inauguración no que daquela chamaron Praza División Azul.

Tal e como explicamos publicamente esta iniciativa non parte nin da carraxe nin do ánimo de revancha. Xorde dunha elemental pero fonda dignidade democrática, incompatíbel coa permanencia de símbolos que representan a represión, a persecución e o asasinato. Reclamamos que a cruz do Castro non cumpra nin un ano máis en pé, porque após case tres décadas desde a fin da ditadura franquista, ofende o seu mantemento nun lugar tan emblemático da nosa cidade. Non é tampouco esta unha iniciativa contra ninguén, senón en favor da convivencia democrática que só pode asentarse no respecto, dignificación e reparación das vítimas dun réxime totalitario e brutal.

Após case catro anos desde a aprobación da Lei da Memoria Histórica, insuficiente pero imprescindíbel, entendemos que non hai excusa nin argumentos para que o Concello de Vigo proceda a retirar este monumento.

É por iso que desde a Federación Veciñal e a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 facemos un chamamento a todas as organizacións sociais, políticas e sindicais, a toda a xente de ben, a sumarse a esta iniciativa para botar abaixo dunha vez por todas ese símbolo que nos ofende e que non representa a ninguén.  Para reclamar do Concello de Vigo a vontade política que inda non tivo para atender esta demanda social.

A tal efecto convocamosvos a asistir a unha xuntanza aberta a todos os colectivos e organizacións que desexen participar, o vindeiro mércores 7 de setembro ás 20:30h nos locais da Federación Veciñal (Praza da Princesa 7-2º), para concretar o acto do vindeiro 14 de setembro.


Un saúdo.









Ningún comentario:

Publicar un comentario