¡ Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
- Non fales en voz alta-.
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
- Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran mais que os que aman
A Galicia-.
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.
Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non terei palabras para os meus versos.
Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crimen
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguén podes trocar o teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece ainda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.
Ningún comentario:
Publicar un comentario