venres, 18 de marzo de 2011

Subvención destinadas a actividades relacionadas coas vítimas da guerra civil e do franquismo

BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO
Núm. 58  Miércoles 9 de marzo de 2011  Sec. III.   Pág. 26910

III.  OTRAS DISPOSICIONES
MINISTERIO DE LA PRESIDENCIA
4380 Orden  PRE/480/2011,  de  2  de marzo,  por  la  que  se  establecen  las  bases
reguladoras  para  la  concesión  de  subvenciones  destinadas  a  actividades
relacionadas con las víctimas de la guerra civil y del franquismo.

Dous novos traballos editoriais

Para coñecer mellor o franquismo en Galiza, dous libros aprofundan no estudo do franquismo en Galiza:
'A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra', de Gonzalo Amoedo, editado por Xerais, e
'Historia dun ermo asociativo', de Daniel Lanero (publicado por TresCtres).
Mercado de abastos no tempo de Franco Mercado de abastos no tempo de Franco
Dous libros con distinta orixe chegan ás librarías cun fin compartido. Solventar aos poucos un déficit que sofren os estudos sobre a nosa historia máis recente desde a ausencia clamorosa de investigacións sobre as estruturas sociais e políticas que foron quen de manter o poder franquista en Galiza. Se ben era preciso, aínda que tamén se abordou con adiamento, coñecer o escenario represivo e as loitas de resistencia, por razóns de necesidade e xustiza, que se abriron tras o 1936 e a posguerra, era sorprendente que a análise do poder franquista nas nosas vilas, cidades e aldeas, tan todopoderoso e intenso, non merecese da atención dos investigadores. Desde a historia local realizáronse enormes avances e algún deles, como o achegado por Félix García Yáñez sobre as terras do Barco de Valdeorras, mesmo pode considerarse como modélico. Mais tamén desde as universidades galegas abríronse liñas investigadoras que comezan a producir froitos sinalados desde traballos que desentrañan claves da malla de poder instalada polo réxime do xeneral Franco en Galiza tras o golpe de estado contra a legalidade republicana.
Acreditado coñecedor da represión na provincia de Pontevedra, Gonzalo Amoedo López avanza se cabe máis na súa caracterización e protagonistas senlleiros logo de publicar unha documentada obra que suma outra considerábel cantidade de datos sobre o poder provincial franquista. A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra (Xerais) é a aproximación máis ampla que hoxe se pode reunir sobre os apoios políticos que entre a poboación civil acadaron os militares españois que se alzaron en xullo do 36. Un achegamento á consolidación do pensamento fascista por medio da Falange e a decidida aposta pola represión deste partido xunto ás forzas militares alzadas e posteriormente asentadas. Tamén a clara implicación da xerarquía católica co proceso represivo e a demostrada relación de homes, tristemente famosos, como Víctor Lis Quibén con toda unha serie de asasinatos programados a fin de exterminar os grupos sindicais, de esquerda e galeguistas. Amoedo, como é habitual nos seus estudos, aposta por visibilizar os nomes e os apelidos dos represores, dos militares que presidiron e participaron nos consellos de guerra e de toda a nómina de persoas que engrosaron as hostes da Falange e o Movimiento Nacional. O papel da Falange na primeira posguerra e logo do proceso de estabilización, tamén é ofrecido nunha obra que mesmo achega un percorrido pola actitude dos falangistas e dereitistas logo da morte do ditador e a apertura do proceso de democratización en Concellos e deputacións.
Outra entrega, de compacta estrutura académica, aparece ofrecida por Daniel Lanero Táboas e a súa Historia dun ermo asociativo (TresCtres). Un amplo tomo que lle dá á nosa historiografía o que de xeito preciso se escolle como subtítulo do libro. Un estudo polo miúdo dos labregos, sindicatos verticais e políticas agrarias en Galiza baixo o franquismo. Aínda que centrado no territorio galego, o tecido da obra agacha en clave contextual un solvente estudo do papel que o franquismo, desde diversas e variadas políticas e estruturas, en todo o territorio do Estado español. Un contexto que lle serve a Lanero para concretar ou procurar as particularidades de Galiza malia o escaso dinamismo das normas e lexislacións do sindicalismo vertical franquista. O primeiro papel do líder falangista Gerardo Salvador Merino, con presenza activa en Galiza no 36 e que tivo unha vida certamente novelesca, o tímido comezo do asociacionismo franquista no campo sobre as ruínas do sindicalismo agrario de esquerda e mesmo católico, ocupan as páxinas máis relevantes dunha obra que aborda todos os intentos e inventos gremiais dos xerarcas  da Falange e o Movimiento a fin de aplicar, con enormes fracasos, tanto unha política de control social como, máis desde a retórica, procesos que eles entendían como de modernización. O papel das Hermandades de labradores y ganaderos, o cooperativismo e as cámaras sindicais agrarias circulan polas décadas do franquismo en Galiza cun claro papel vertebrador do poder ditatorial e, ao entender de Lanero, incapaces de lle ofrecer ao campo galego políticas positivas que mellorasen, malia intentos máis piadosos que reais, a calidade de vida dos labregos e labregas. Con Historia dun ermo asociativo dáse un importante paso adiante na análise dun amplo sector da sociedade galega que foi colaboracionista activo cos militares alzados en armas en 1936 e que se configurou como parte daquela tupida estrutura de poderes coa que se mantivo en pé o franquismo en Galiza. / (XEA)

(http://www.anosaterra.org/nova/51286/para-conecer-mellor-o-franquismo-en-galiza.html)



venres, 11 de marzo de 2011

Documento no que fundamenta xurídicamente a petición para que o Concello "proceda de maneira inmediata á retirada da “cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo,


A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 (Viguesa Distinguida 2007) presentou no Rexistro do Concello de Vigo, o xoves día 10  o documento no que  fundamenta xurídicamente a súa petición para que o Concello "proceda de maneira inmediata a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado “cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo, propiedade do Concello de Vigo".
Consideramos que a situación actual non é  propia dunha democracia.
A Asociación leva pedindo ser recibida polo Excmo. Alcalde da nosa cidade - o alcalde debe ser o alcalde de todos-  máis de dous anos. Sen resposta ata o de agora.
 
 
A Directiva.



 

AO SR. ALCALDE DE VIGO.                   



TELMO COMESAÑA PAMPILLÓN, con D.N.I. nº …., como presidente da ASOCIACIÓN VIGUESA POLA MEMORIA HISTÓRICA DO 36,  VIGUESA DISTINGUIDA 2007
con CIF G-36969855 e domicilio para notificacións en ……… de Vigo (36212), perante Vde. comparezo e DIGO:

            Que por medio do presente escrito e no exercicio do dereito fundamental de petición do art. 29 da Constitución Española,  regulado na Lei Orgánica 4/2001, de 12 de novembro, formalizo a seguinte

PETICIÓN

            Que en virtude do disposto no art. 15.1 da Ley 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a dictadura (coñecida como Lei da Memoria Histórica), que obriga as administracións públicas a tomar as medidas oportunas para a retirada de obxectos ou mencións conmemorativas da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da dictadura;

            proceda de maneira inmediata a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado “cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo, propiedade do Concello de Vigo.

           



A esta petición sonlle de aplicación os seguintes

            FUNDAMENTOS DE DEREITO

            I.- Lexitimación:
            A activa a ten a Asociación que represento xa que é titular do dereito fundamental de petición do art. 29 da Constitución, segundo dispón o art. 1 da L.O. 4/2001, de 12 de novembro, reguladora do dereito de Petición, xa que se trata de unha persoa xurídica legalmente constituida.
            A pasiva a ostenta o Concello de Vigo por ser o ente administrativo obrigado a actuar, segundo a Lei 52/2007, da Memoria Histórica.

            II.- Competencia:
            O Concello de Vigo ten competencia para resolver a presente petición, segundo establece o art. 2 da L.O. 4/2001, por ser propietario do obxecto a retirar en cumprimento da Lei que obriga as administracións públicas a actuar ó respecto.

            III.- Obxecto:
            Constitúe o obxecto de esta petición a exixencia de que o Concello de Vigo cumpra as obrigas que se lle impoñen na Lei 52/2007, e, concretamente, que adopte as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado “cruz dos caídos” sito no monte do Castro de Vigo, por constituir un elemento de exaltación colectiva da sublevación militar, da Guerra Civil e da dictadura franquista, como se acredita mediante o Dossier “A cruz dos caídos do Castro de Vigo. Testimonio da ignominia, vergoña do municipio”, elaborado pola Asociación que represento no ano 2010 e cuxa copia achego xunto co presente escrito.
            Na Lei 52/2007 non existe nengún procedemento específico para a aplicación da normativa reguladora, segundo establece o art. 3 da L.O. 4/2001.

            IV.- Procedemento:
            No prazo de dez días o Concello ten que comunicar o acuse de recibo da presente petición, segundo obriga o art. 6.2 da L.O. 4/2001.
            O Concello de Vigo está obrigado a tramitar e responder esta petición no prazo máximo de tres meses, e dado que a mesma está fundamentada no art. 15.1 da Lei 52/2007, ten obriga de atendela e adoptar as medias oportunas para a retirada definitiva do obxecto denominado “cruz dos caídos” sito no monte de Castro, segundo establece o art. 11 da L.O. 4/2001 reguladora do Dereito Fundamental de Petición.
            No caso de que ese Concello declare a inadmisión da presente petición, non responda no prazo establecido ou a resposta non atenda a petición baseada na Lei 52/2007, esta Asociación acudirá ó procedemento especial contencioso-administrativo de protección dos dereitos fundamentais.

            V.- Urxencia na tramitación.
            Tendo en conta que a primeira petición de retirada do obxecto mencionado data de 17 de abril de 2008 (rexistro de entrada nº 80047594), e foi reiterada o 6 de agosto de 2008 (rexistro de entrada nº 80098451), o 31 de maio de 2010 (rexistro de entrada nº 100076283) e o 23 de agosto de 2010 (rexistro de entrada nº 100110314), que o mantemento do obxecto mencionado constitúe un aldraxe para as víctimas da represión franquista de Vigo, que a súa retirada foi reclamada por 4.046 cidadáns e 30 asociacións e colectivos de Vigo (como se acreditou co noso escrito de 31 de maio de 2010) e que supón un flagrante incumprimento da Lei nº 52/2007 da Memoria Histórica, debe procederse a darlle tramitación urxente e preferente a esta solicitude.
           
            VI.- Solicitude de audiencia especial.
            Tendo en conta as circunstancias concorrentes, expresamente solicitamos que o Alcalde nos reciba na audiencia especial recollida no art. 11.1 da L.O. 4/2001 de Dereito de Petición, a fin de que explique as razóns da resistencia do Concello de Vigo a cumprir a Lei da Memoria Histórica e a levar a efecto a retirada do obxecto mencionado a pesares das reiteradas peticións de asociacións e cidadáns.




            SOLICITO que tendo por presentado este escrito e por formulada petición en exercicio do dereito fundamental recollido no art. 29 da Constitución, e ó amparo do disposto na Lei Orgánica 4/2001, proceda a acusar recibo da mesma, dicte resolución de admisión e resolva favorablemente sobre o peticionado, procedendo á maior brevedade a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto denominado “cruz dos caídos” sita no monte do Castro de Vigo en cumprimento do disposto no art. 15.1 da Lei 52/2007 da Memoria Histórica.

            En Vigo a 7 de marzo de 2011



            ADEMAIS DIGO que intereso se reciba a representantes de esta Asociación á audiencia especial regulada no art. 11.1 da L.O. 4/2001, a fin de que o Sr. Alcalde explique os motivos da demora e resistencia a retirar o obxecto mencionado e a cumprir a Lei 52/2007, coñecida como da Memoria Histórica.

            SOLICITO así se acorde.

Mesmo lugar e data

xoves, 3 de marzo de 2011

Carta aberta ao Alcalde de Vigo , Sr. Abel Caballero.


Sr. Caballero, é un bo costume social que, sempre que unha persoa diríxese á outra con boas maneiras, educación e respeto, a segunda conteste pola súa banda coa mesma educación. É un principio básico nunha convivencia social civilizada.

Un home con cargo público coma vostede, debería cumplir estas normas básicas e trasladar á política o que na vida civil é simplemente educación.

A Asociación Viguesa pola Memoria pola Memoria Histórica 36, dirixiuse a vostede para que, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, fose retirada a cruz franquista do Castro. Dirixiuse a vostede con todos os respetos, seguindo todas as canles legais e civilizadas marcadas polo noso ordenamento xurídico.

Presentamos escritos no Rexistro do Concello, un deles avalado pola firma de máis de 4.000 cidadáns. Sabe vostede desta reclamación por nós e tamén polos medios de comunicación. Pero a día de hoxe, seguimos sen contestación despois de dous anos. Contestación que merecemos recibir, aínda que só fora por educación, de parte do noso alcalde.

Vostede ignora e menosprecia a unha Asociación recoñecida polo Concello de Vigo como “Viguesa Distinguida” no ano 2007, unha distinción máis que respetable no ámbito da nosa cidade, e que nós recibimos cunha enorme alegría. Solicitamos durante estes dous anos  manter unha reunión con vostede. Nin se dignou contestar.

Cando un Alcalde despreza desta maneira a unha asociación cidadán, como é a Asociación Viguesa pola Memoria do 36, negándolle a palabra, o que fai é negar a esencia da democracia. Sr Alcalde, Vigo non é o seu “CASAL” A vostede nomearono alcalde un grupo de concelleiros /as de dous partidos, os cidadáns non eleximos alcaldes Para estar ao servizo do pobo que os elixiu, non para que vostede intente utilizalos coma servos ao seu servizo Esa época, Sr Caballero rematou no 1978, aínda que as suas obras nos recordan de maneira alarmante a personaxes do noso pasado, e tamén a outros que, aínda que elexidos polo pobo, esquecen as leis cando así lles convén, ou simplemente por motivos arbitrarios.


Tamén é preocupante que os/as representantes elixidos polo pobo que o situaron a vostede na alcaldía son tan responsables como vostede mesmo por consentir a aldraxe que comete coa Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36. A uns e a outros pedímoslles un comportamento democrático.

En fin: ¿cándo pensa vostede cumplir coa Lei da Memoria Histórica e retirar a cruz do Castro? ¿Cal é realmente a súa opinión? ¿Seica non lle gusta a lei? ¿Será que non se sinte obligado a respetala? ¿Cómo pode ser que non se sinta obligado a falar cos cidadáns que solicitan unha resposta por parte do seu alcalde?

Despois de tantos anos, pensamos que como cidadáns –e non súbditos- vostede ten a obriga moral e legal de darnos unha resposta.

Facemos un chamamento aos membros da Corporación para que rematen coa situación aldraxante que estamos a vivir


A directiva.

Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36.
Viguesa Distinguida 2007

Marzo de 2011.