venres, 8 de novembro de 2013

Notas de prensa denunciando o asalto ao despacho do avogado Gustavo García



A ASAMBLEA REPUBLICANA DE VIGO E A ASOCIACIÓN VIGUESA POLA MEMORIA HISTORICA DO 36

queren expresar a súa máis enérxica condena polo ataque e os destrozos levados a cabo por bandas fascistas  contra o despacho do avogado vigués Gustavo García

Ao mesmo tempo que amosamos a nosa solidariedade co letrado, queremos esixir do goberno do Partido Popular, do ministerio de xustiza e do fiscal xeral do estado que artellen todos os instrumentos legais necesarios para  declarar fora da lei e perseguir a este tipo de organizacións fascistas e as súas canles de  propaganda , difusión e proselitismo político e ideolóxico

                                                     En Vigo a 6 de novembro de 2013

Aquí tedes un video de como quedou o despacho:

http://www.youtube.com/watch?v=lzVQBj2ezug&feature=youtu.be

 /---------------/

Abaixo pego a nota de prensa que a CRMH da Coruña enviou aos medios de comunicación condenando o atentado fascista ao despacho do avogado vigués Gustavo García, secretario da Fundación Galega contra a Impunidade.

Para máis información, mirade esta ligazón:

http://www.memoriadacoruna.com/index.php/143-artigos-portada/8063-asalto-fascista-ao-despacho-dun-letrado-que-impulsa-a-causa-contra-franquismo

NOTA DE PRENSA: A COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN  DA  MEMORIA HISTÓRICA DA CORUÑA CONDENA O ATENTADO FASCISTA AO DESPACHO DO AVOGADO VIGUÉS  GUSTAVO GARCÍA

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH),  condena enérxicamente o atentado fascista que recibíu o avogado vigués Gustavo García na madrugada do pasado lúns, no seu despacho da rúa Mestre Mateo, de Vigo. Alí botaron eses energúmenos fascistas moreas de excrementos, realizando pintadas ameazadoras como “Viva el fascio”e “Rojos hijos de puta”, e destrozando o material e o mobiliario no devandito despacho. Gustavo García é o secretario da Fundación Galega contra a Impunidade do Franquismo.

Asemade, a CRMH da Coruña  insta ás autoridades autonómicas, policiais e xudiciais a perseguir aos responsables deste execrable atentado, persecución que entendemos que debe de facerse coa máxima urxencia. Non pode ser que defender ás vítimas do franquismo sexa motivo para que sucedan estes atentados fascistas. Por iso, a CRMH da Coruña exixe ao goberno autonómico e estatal do Partido Popular que fagan o seu traballo, simplemente para que os dereitos civís de cidadáns libres non queden pisoteados e aldraxados  polo fascismo máis reaccionario e caduco nestes tempos. Alomenos, que os devanditos gobernos teñan a mesma dilixencia á hora de perseguir estes tipos de delitos que a que teñen á hora de mirar para outro lado cando se lles fala da defensa dos dereitos das vítimas do franquismo cando xustamente piden que se saiba a Verdade sobre o que lles fixo o franquismo, que se faga Xustiza porque as vítimas así o merecen, e que se busque a Reparación a eses delitos recibidos.

A Coruña, 7 de novembro de 2013.

Rubén Afonso Lobato, secretario da CRMH da Coruña.