Lugares de Memoria

/------------------/  

15 de Setembro. 

Este acto serodio,71 anos despois dos asasinatos, é un acto irremediabelmente funerario porque se corresponde coa homenaxe pública que nunca puideron ter. As súas propias familias non puideron honrar publicamente aos seus seres queridos. Asasinados e condenados desde o primeiro momento, ao silencio. Sen ter a posibilidade de ser defendidos aínda despois de mortos. sabemos que a vontade de recuperación da memoria depende dos nosos esforzos e exixencias, mais correspóndelle ás administracións públicas o fornecemento de instrumentos que permitan a restitución moral e legal.
É tamén fondamente reivindicativo,despois de máis de 30 anos transidos de transición sen fin, nos encontramos ante as gabias do esquecemento, como herdeiras e herdeiros xenéticos e adoptivos. Sentíndonos Activistas da memoria contra os silenciadores militantes como Rajoy,(promotor interesado do autonoxo),temperán militante da Carlista e resesa, Unión Nacional Española de Gonzalo Fdez de la Mora, ministro do xenocida gran normalizador do normal, segundo o propio mariano R, émulo tamén do seu mentor, Manuel Fraga Iribarne: gran paquidermo colaboracionista do réxime asasino da besta.
 O que fora presidente da xunta, noutrora gran depredador da liberdade, para escarnio e deshonra das vítimas do franquismo, é agora senador pola graza e afección de Corina Porro: militante negacionista da memoria que lle cedeu o seu escano para que acabe os seus días matando, aínda que sexa, o tempo.
Non hai vítimas sen verdugos, Guillermo Oya, un falanxista vigués, foi un dos asasinos.Ten dereitos de autor polos asasinatos cometidos, polo que debe ser recoñecido xa que non pode ser xulgado.
  As vítimas, foron abandonadas nas gabias convertidas en depósitos de cadáveres. Os corpos exhibidos foron utilizados como mensaxe premonitoria, como ameaza "chulesca"; advertencia mafiosa para sementar o terror nun plan de exterminio sistemático da intelixencia, o progreso e a liberdade, coa beizón da igrexa católica.
A memoria nin recoñece nin quer ouvir falar de corrección política, pois é a linguaxe anteface dos cínicos e neoconversos, e das representacións moralmente repugnantes, Tan noxentas como a beatificación de 498 fieis en Roma, o vindeiro 28 de outubro, segundo anunciou o portavoz de conferencia episcopal: Juan Antonio Martínez Camino. É preciso manifestar que accións deste tipo, con nomes que forman parte da eufemística de quen levou á besta baixo palio, e, bendiciu guerra e represión como santa cruzada, non poden ocultar un pasado de colaboración, pertenza, delación (a través do sacramento da confesión) e vinganza no nome de Deus. Non hai memoria alternativa posíbel, só verdade histórica. A xerarquía católica, a igrexa do concordato que gobernou cos asasinos comandados por Franco, manipulou, adestrou e ineducou ou maleducou a varias xeracións. Reflexionen: miren os seu arquivos e sen remexer moito no seu fedorento pasado -nin alternativo, nin illado- non o excreten a destempo en praza pública, no Vaticano, como estratexia de fume.
Aconsellamos que pidan perdón, o perdón non se pode exixir. Retiren, limpen as máculas de motu propio: frechas, simboloxía fascistas e nomes, pola misericordia que nunca tiveron cos vencidos, antes de que a xustiza humana decrete que deben retirar e limpar os residuos contaminantes da historia. 
                                                                                                             (Xavier Moreda)
/------------------/ 

Homenaxe as vítimas do levantamento fascista de 1936
Praia de Fontes - Alcabre (Vigo)  17 de agosto de 2005
 
Estamos aquí homes e mulleres ao carón deste monumento que erguemos e chantamos aquí fai hoxe tres anos. Hoxe, día de Galicia Mártir, cúmprese o 69 cabodano do asasinato de Alexandre Bóveda, un dos BOS E XENEROSOS; un dos que máis e mellor traballaron a prol de Galicia. Despois foron enchéndose as cunetas, as praías, as entradas dos cemiterios, o fondo do mar e o castelo do Castro de homes e mulleres asasinados.
 
Estamos aquí homes e mulleres sensibeis para lembrar e honrar aos asasinados/as polo levantamento fascista de 1936. En Vigo cóntanse 618.

Estamos aquí tamén, para non esquecer o sufrimento das familias que quedaron sin os seus seres queridos, sosténs das mesmas.

Pensade, pensemos naqueles país e naís, irmáns e irmás, esposas, fillos e fillas que ademáis de quedar sin eles, quedaron sin recursos, aldraxados e perseguidos.

Hoxendía, cando hai un desastre natural ou terrorista, emerxe unha corrente de solidaridade desde as institucións e da cidadanía cas familias e amigos das vítimas. Pero, das nosas naís, avós, avoas, fillos, fillas... quén se preocupou?, quén…?.

A resposta é: ninguén.

 Miles de familias en Galiza, foron consideradas despectivamente “ROJOS”. E rojos eran aqueles e aquelas que non estaban na “corda” dos fascistas e decir: comunistas, socialistas, republicanos, galeguistas, sindicalistas, agnósticos, ateos librepensadores, etc. Xente boa e xenerosa que lle estorbaba o fascismo e a igrexa católica apostólica e romana.

Ós que non mataron perseguíronos, tendo que fuxir ou agocharse en buracos inmundos, e as esposas e as fillas, rapadas, aldraxadas e en moitos casos violadas.

Estamos aquí e temos connosco algunhas das vítimas, non en presencia física porque iso non é posíbel pero, témolos no corazón e nas fotos que temos amorosa e emocionadamente sobre o noso peito. Éles non poden falar, pero nós si, e falamos por éles.

Aquí, hoxe, queremos homenaxear a tódalas vítimas en xeral; ós que foron asasinados nesta praía de Fontes en particular e moi especialmente os seis fillos de Alcabre e que vou nomear: Emilio Comesaña Sobreira, de 49 anos que deixou viuva e sete fillos; catro mulleres e tres homes, unha muller e un home xa finados; Antonino Comesaña Pérez, de 32 anos, que deixou viuva e dous fillos; José Comesaña Pérez, de 26 anos, que deixou viuva e dous fillos, home e muller; a muller xa finada; Fernando Costas Iglesias, de 29 anos, que deixou viuva; Hermenegildo Andrés Castro, de 31 anos, solteiro; e Adolfo Monroy Figueroa, de 43 anos que deixou viuva e nove fillos, cinco mulleres e catro homes, dous homes e unha muller xa finados;

E estamos aquí para respostar as falsedades que ao longo dos anos se dixeron e que ainda hoxe se manteñen. “Cando os mataron é que algo fixeron”. “Estaban en política”. “Eran anticlericais”. “Xa se sabe que nas guerras é así, matan uns e matan outros”, etc.

Pois non, en Galiza non houbo guerra. En Galiza houbo un crime contra a humanidade. Asasinaron a xente con capacidade de pensar e de liderazgo, e que estaban comprometidos coa sociedade na que vivían: médicos, mestres e traballadores humildes os mais déles, pero de firmes e claras ideas democráticas.

Estamos aquí todos unidos para:

1.- Esixir os poderes púbricos -Parlamento español, Parlamento galego, Xunta de Galicia, Deputacións provinciais e o Concello de Vigo- un recoñecemento oficial de que foron vítimas do levantamento e da barbarie franquista.

2.- Que se teña en conta no nomeamento de rúas ou prazas de nova construcción, ás vítimas desa matanza.

3.- Que se recolla no Catálogo de Bens a Conservar do Concello este monumento.

4.- Que o estado español declare nulos tódolos xuizos sumarísimos que se ditaron perante a ditadura.

Telmo Comesaña Pampillón 

/-------------/

 
Pedra da Fontao.

A pedra está chantada no Fontao, Abellá, Frades, diante da parede dun pendello de tixolo sen revoque de cemento. Detrás, os fíos dun pastor automático alindan  vacas frisoas, e rodean a finca na que está a casa, unha construción tradicional que debería ser restaurada, polo seu valor patrimonial e mais polo histórico. A pedra reproduce as cores republicanas da bandeira da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia.  O escultor Valdi labrouna con letras vermellas, que din: o día 21 de abril de 1947 aquí morreron Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez (O Asturiano) en defensa da liberdade.

Desde o ano 2004, convocados teléfono a teléfono ou por correo e., un grupo de persoas reúnense nese lugar nunha fin de semana de abril próxima ao 21, en lembranza destes tres compañeiros defensores da legalidade republicana. Este ano, o acto comezou na mañá do 16, coa gaita de Raúl Galego a debullar as notas dunha alborada. Despois, Baldomero Iglesias, Mero, conta do sentido que ten esta sinxela xuntanza. Clara Ponte, neta de Manuel Ponte, le unha carta, inédita ata hai pouco, na que o seu avó explica o porqué da súa loita. O historiador Bernardo Máiz, que repartira  entre os asistentes un papel cun didáctico cadro da vida da guerrilla antifranquista en Galicia, e mais un resumo dos feitos que aconteceron no Fontao, recita fragmentos de poemas de Méndez Ferrín. A seguir, escóitase a versión galega dun poema en catalán, do cubano Andrés Marí, en homenaxe aos republicanos. David Otero achega versos de seu. Palabras da emoción para lembrar os guerrilleiros.

Fomos cara ao cemiterio de Abellá, despois de que a gaita guiase as nosas voces polo Himno Galego que cantamos. Diante do único panteón sen cruz, no que están depositados os restos destes nosos mortos, escoitamos, na voz do historiador Máiz, máis versos de Ferrín, e tamén un fragmento dun poema de García Bodaño. Lembrou Mero a Francisco Díaz Pan, o irmán de Manuel, que, ata a súa recente morte, asistía cada ano ao acto. As palabras de Mero lévannos ao ano 1947.

-Diante da porta do cemiterio -di Mero o que contaba Francisco-, guindaron os corpos dos tres. Cando as familias porfiaban por enterralos dentro, irrompeu un mando da Garda Civil, e díxolle á nai de Díaz Pan por que miraban tanto por cadáveres de bandoleiros. A muller non dubidou: eles foron guerrilleiros, os bandoleiros e ladróns son quen roubou o reloxo e mais as botas do meu fillo,  despois de o matar.

Conta David Otero atrocidades de represión na súa Terra de Montes, e a gaita de Raúl Galego trae onda nós os sons solemnes da Marcha do Antigo Reino de Galicia.

Despois da ofrenda floral confraternizamos ao redor da delicia das troitas que preparan, na súa taberna da Berxa, as fillas do Alcalde republicano de Mesía, Antonio Gómez Carneiro, tamén vítima da represión.

Á beira da pedra que recorda os tres guerrilleiros queda unha manchea de camelias vermellas. Unha veciña de Fontao dérallas a Maruchi Ponte, a filla do "home, bo, alto, guapo... que tiña unhas ideas que defendeu sempre até a morte". As flores son dunha camelia que naceu da árbore que floreaba, no mesmo lugar,  o cruel  abril  no que os mataron, nesa casa onde eles durmiran a súa derradeira noite.  As camelias son das deles, dixo a veciña de Fontao.

No libro "A guerra silenciada", de Manuel Pazos Gómez, recóllese esta reflexión de Maruchi Ponte: A transición beneficiou os políticos e os gañadores, pero non cerrou as feridas da esquerda. Recuperar a Memoria Histórica é non deixar no esquecemento os perdedores".


Saúde e República Galega.

18 de abril de 2011



/-------------------/


 O Calvario (Vigo)

 Fiestra  a  liberdade 

Aos homes e mulleres que resistiron nas barricadas o asalto militar contra a República.

 “Fiestra á liberdade” é unha peza monolítica de granito que nunha das súas caras representa as pegadas de dous pés e dúas mans, coa idea de sugerir unha persoa tentando acadar a fiestra da liberdade, e na outra cara aparecen as pegadas dunha cadea quebrada.





 








Máis fotos en
https://picasaweb.google.com/juanruetter/Memoria#