María Jesús Fonte - Vigo / A Voz 25 de abril de 2014
O fallo xudicial que
conduza á derriba ou conservación da cruz do Castro está ao virar a esquina. A
sentenza podería coñecerse en xuño, o mesmo mes para o que está sinalada a proba
pericial dun historiador. A demanda da Asociación pola Memoria Histórica do 36
para que o Concello de Vigo cumpra coa lei e destrúa o que considera un símbolo
franquista foi presentada inicialmente pola vía do contencioso-administrativo e
derivada con posterioridade á xustiza ordinaria.
O 5 de xuño presentarase a proba pericial do historiador José
Ramón Rodríguez Lago. Na mesma faise constar que «pode asegurarse sen dúbida que
o Monumento aos Caídos, situado no monte do Castro da cidade de Vigo, representa
un elemento golpista de 1936, dos vencedores da Guerra Civil, da posterior
ditadura militar e das accións represivas desenvolvidas polas organizacións da
Falanxe antes, durante e despois da guerra». Engade que a iniciativa foi
arroupada polo pleno do Concello na época da ditadura e erixida nunha propiedade
municipal que previamente pertencera ao exército. O mesmo informe recorda que o
Concilio Vaticano II, que proclama a defensa e posta en valor das liberdades
relixiosas e políticas por parte da igrexa católica, impide que o monumento do
Castro «poida ser considerado de ningún xeito como símbolo da reconciliación
cristiá».
ADVERTISEMENT
En opinión do presidente da asociación, Telmo Comesaña, o
informe «é demoledor» e deixa ben claro a simboloxía da cruz situada no monte do
Castro, xusto fronte ao Concello.
Rexeita que o monumento sexa un símbolo relixioso, senón a
conmemoración do golpe militar de 1936.
No que se refire ao pleno da corporación municipal de Vigo de
1981, presidida por Manoel Soto e que aprobou o cambio de sentido da cruz, a
demanda presentada no seu día defende que non se cumpriu o acordo de colocar
unha placa para facer constar o cambio e que o pleno non ten capacidade para
cambiar o significado e, menos aínda, a historia.
«A corporación municipal non ten capacidade para modificar un
símbolo público sen intervención doutras administracións... senón que o único
que legalmente se pode facer con ese tipo de simboloxía é retirala, como ordena
a Lei 52/2007 no seu artigo 15», asegura a entidade demandante en alusión á Lei
da Memoria Histórica.
A próxima sentenza deberá determinar se, efectivamente, esa
decisión do pleno á que se agarra o alcalde Abel Caballero para non tirar o
monumento é ou non válida. En caso de non tela en consideración, o goberno
municipal veríase obrigado a cumprir a Lei da Memoria Histórica.
Detrás da negativa do alcalde a retirar a cruz podería estar un
pacto co bispo José Diéguez no 2008 relativo á retirada dos símbolos da guerra
civil que aínda pervivían nalgunhas igrexas. O monumento do Castro mantíñase en
pé talvez a cambio doutras
prerrogativas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario