martes, 20 de setembro de 2011

Texto lido no acto da Cruz dos Caidos do Monte do Castro (Vigo)


Vigo ten unha cruz gamada á beira do Concello.

Desconfien do valor de cruz cristiana que algúns oportunistas queren darlle: os que levantaron este monumento hai cincuenta anos, explicaran con radical claridade o que pretendían simbolizar. Non deixaron nin sombra de dúbida de que exaltaban a vitoria pola forza contra os dereitos e as liberdades democráticas, a licencia para a eliminación física do adversario; de que celebraban con este emblema o privilexio, o secuestro de Galiza e a negación da súa indentidade nacional, a exclusiva da representación da maioria, sen lle recoñecer á maioria o dereito a ser consultada. 

Chantárona en homenaxe á censura e ao secuestro da información. Unha cruz para ensalzar o terrorismo, entendido como dereito de tirarlle a vida aos homes e mulleres que non pensaren coma eles, e prolongado ainda como prerrogativa para condenar aos familiares dos matados ao ostracismo social, a exclusión, ao exilio, a marxinación estigmática, de maneira que o castigo non rematase coa vida espiada.

Por iso a chamamos cruz gamada.

As organizacións e as persoas que suscribimos esta convocatoria, reclamamos a desaparición deste infame monumento que ofende á cidade á beira do seu máis alto símbolo de governo democrático como é o Concello.

Ao cabo de catro anos de vigor dunha Lei da Memoria Histórica insuficiente pero imprescindíbel, non pode haber razóns que impidan a retirada da insignia fascista. Coa Lei na man, o Concello ten faculdade soberana para borrar o mausoleo da Ditadura. O alcalde,  señor Caballero Alvarez, ten a obriga de defender a Democracia e non debe demorar máis a atención a esta demanda, expresada repetidamente pola cidadanía.

Derrubemos a cruz gamada!
                                                            Gustavo Luca

domingo, 11 de setembro de 2011

'Republicanas en Galicia' reivindica ás mulleres na loita contra o franquismo

A secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, presidiu onte en Ourense a estrea do documental Republicanas en Galicia, dirixido por Jorge Gil. Esta produción trata de revolver na memoria “para volver a vivir a experiencia” dunhas mulleres que abriron as portas a moitas outras e que foron unhas pioneiras na esixencia de recoñecemento de dereitos e de loita pola liberdade.
No acto celebrado no Centro de Desenvolvemento de Nova Caixa Galicia estaban presentes, ademais de Laura Seara, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, deputados e deputadas estatais e autonómicos e alcaldes progresistas das comarcas ourensás.
O salón estaba ateigado de xente e o ton dos oradores era reivindicativo. Laura Seara foi moi gráfica ao sinalar que “se trata de volver a vivir episodios heroicos protagonizados por mulleres do país”. A secretaria de Estado engadiu que “a historia da República é dificil de entender senón se conta nas voces das súas protagonistas”.
Lonxe de pronunciar discursos cunha intención académica, Seara recurriu máis á emoción e á adxetivación para dicir que “as mulleres tiveron que demostrar, como sempre, cando empezou a guerra que eran dobremente heroicas”. Referíase así ao cuestionamento que moitos combatentes homes fixeron a cerca da capacidade das mulleres para a loita armada.
Pero a reivindicación feminina e feminista non só se centrou no papel de milicianas ou militantes nos partidos da esquerda, senón tamén na cotidianidade. Neste sentido Seara referiuse ao papel das mestras e a homenaxe que hai pouco tempo tipo lugar no Instituto da Muller a este corpo de profesionais.
Non se esqueceu a “viceministra galega” de reivindicar o papel do Goberno do Estado na recuperación da memoria histórica. A modo de balance cuantificou en 600 os proxectos impulsados polo Executivo de Zapatero para visibilizar o esquecemento imposto na dictadura.

DEFENSA DOS DEREITOS CIVÍS
Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, tampouco se perdeu o acto. Mostrou a súa satisfacción, neste caso visible, e a necesidade de levar a cabo actos de homenaxe e reconoñecemento aos devanceiros na liberdade e no exercicio dos dereitos civís.
E tralos discursos, un público variopinto dispúxose a ver o documental. Todo comezou cunha frase do escritor francés Albert Camus: “Foi en España , onde a miña xeración aprendeu que un poder ter razón e ser derrotado”. Logo frases ben colocadas e con sentido daban paso aos comentarios das mulleres galegas. A identificación da República española coa democracia e o progreso era seguida de confesións nas que se recordaban cánticos populares sobre a República ou mesmo sobre a bandeira tricolor.
Unha chea de aplausos sonoros puxo fin á proxección de diferentes partes dun documental cuxa finalidade última segundo o director “é visibilizar a historia silenciada, esquecida e dormida por parte dos gañadores dunha guerra inxusta”. O proxecto conta ademais cunha páxina web (www.republicanasengalicia.tv) na que se ofrecen testemuños de varias mulleres galegas cuxas vidas quedaron marcadas pola represión durante o franquismo e a Guerra Civil.

http://www.xornal.com/artigo/2011/09/10/galicia/republicanas-galicia-reivindica-loitar-franquismo/2011091017084300926.html

venres, 9 de setembro de 2011

Concentracion pola retirada da cruz do Monte do Castro (Vigo). Mércores 14 set. ás 20:00

No local social da Federación Veciñal (Praza da Princesa 7-2º) podedes pasar a recoller a partir desta mesma tarde ou o luns (de 10 a 14 e 16:30 a 20:30h) exemplares impresos do cartaz en tamaño DIN A-3 (fotocopias).É fundamental que entre todas as organizacións fagamos un intenso traballo de difusión desta convocatoria no camiño de garantir a maior asistencia posíbel.

Lembrarvos que ás 11:30h do vindeiro luns está convocada a rolda de prensa de presentación da convocatoria, no local da FAVEC.

Para calquera cuestión podedes poñervos en contacto coa Federación no 986 44 16 86.

Un saúdo.

mércores, 7 de setembro de 2011

PAZ PARA SEMPRE - Claudio Rodríguez Fer


Poesía para hoxe día de GALICIA MÁRTIR 17 de agosto 2011.
Leido por Antonio Monroy , fillo de Adolfo Monroy asasinado no 1936


Autor: Claudio Rodríguez Fer

PAZ PARA SEMPRE
(inscrición)

Perseguíronos con saña.

Detivéronos con sevicia.

Torturáronos con sadismo.

Encarceráranos sen causa.

Xulgáronos sen xustiza.

Paseáronos sin piedade.


Así os mataron.


E impuxeron o terror.

E impuxeron a calumnia.

E impuxeron a falsificación.

E impuxeron a censura.

E impuxeron o silencio.

E impuxeron o esquecemento.


E así trataron de rematalos.


Contra o exterminio atroz

Das súas vidas desfeitas

E contra o esquecemento inxusto

Do silencio cómplice

Queremos sentir viva para sempre

a memoria galega

das vitimas do fascismo,

En solidariedade

Con todas as comunidades do mundo

Que padecesen calquera ditadura do terror.


Porque como aquelas vítimas

queremos liberdade para sempre.

Porque por aquelas vítimas

Para sempre queremos xustiza.


Porque a realidade é o desexo,


PAZ PARA SEMPRE.

CUNETAS Luis Pimentel.


 
¡ Outra vez, outra vez o terror!
Un día e outro día,
sen campás, sen protesta.
Galicia ametrallada nas cunetas
dos seus camiños.
Chéganos outro berro.
Señor, ¿qué fixemos?
-          Non fales en voz alta-.
¿Hasta cándo durará iste gran enterro?
-          Non chores que poden escoitarte.
Hoxe non choran mais que os que aman
                                           A Galicia-.
¡Os milleiros de horas, de séculos,
que fixeron falla
para faguer un home!
teñen que se encher aínda
as cunetas
con sangue de mestres o de obreiros.
Lama, sangue e bágoas nos sulcos
son semente.

Docemente chove.
Enviso, arrodéame unha eterna noite.
Xa non terei palabras para os meus versos.

Desvelado, pola mañán cedo
baixo por un camiño.
Nos pazos onde se trama o crimen
ondean bandeiras pingando anilina.
Hai un aire de pombas mortas.
Tremo outra vez de medo.
Señor, isto é o home.
Todas as portas están pechadas.
Con ninguén podes trocar o teu sorriso.
Nos arrabás,
bandeiras batidas i esfarrapadas.
Deixa atrás a vila.
Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece ainda.
Unha muller sobre o cadáver do seu home chora.
Chove.
¡Negra sombra, negra sombra!
Eu ben sei que hai un misterio na nosa terra,
máis alá da néboa,
máis alá do mar,
máis alá da chuvia,
máis alá do bosque.

O AMOR É INDESTRUTIBLE

Poesía  para hoxe 17 de agosto 2011 DÍA DE GALICIA MÁRTIR

Leido por Marisa Arjones, neta de R Arjones,acusado de rebelión militar e asasinado

Autora: Carmen Blanco

O AMOR É INDESTRUTIBLE


Juana, fuches o máis fermos da miña vida. Onde estea

E mentres poida pensar, pensarei en ti. Será como se

Estivésemos xuntos. Deixáchesme dito na noite  do vinte e

Catro de xullo de 1936 antes de que te matasen. Paco, fuches

O máis fermoso da miña vida. Onde estea e mentres poida

pensar, pensarei en ti. Será como se estivésemos xuntos.

Dígoche na noite do dezaoito de agosto de 1936 antes de que

Me maten. E penso: quitaranme a vida, mais non me quitarán

o amor porque o amor é indestrutible.


Nota: recollido do libro POEMAS POLAS VITIMAS  do 36 en Galicia

venres, 2 de setembro de 2011

Convocatoria aberta pola retirada da Cruz do Castro.

faveclogo.png        Logo%2Bcolor.jpg

CONVOCATORIA ABERTA A COLECTIVOS SOCIAIS E ORGANIZACIÓNS
POLA RETIRADA DA CRUZ DO CASTRO

MÉRCORES 7 DE SETEMBRO ÁS 20:30H NA FEDERACIÓN VECIÑAL

A todo o tecido social, sindical e político da cidade de Vigo.


A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo "Eduardo Chao" e máis a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 anunciamos o pasado mes de xullo a nosa intención de impulsar unha grande convocatoria social, aberta e plural, para demandar a retirada da Cruz do Castro, un dos últimos símbolos fascistas que inda permanecen lamentabelmente na cidade. Esa convocatoria pretendemos que cristalice nun acto reivindicativo, nunha grande concentración cidadá o vindeiro 14 de setembro, por ser a data na que ese monumento á barbarie fascista cumprirá 50 anos desde a súa inauguración no que daquela chamaron Praza División Azul.

Tal e como explicamos publicamente esta iniciativa non parte nin da carraxe nin do ánimo de revancha. Xorde dunha elemental pero fonda dignidade democrática, incompatíbel coa permanencia de símbolos que representan a represión, a persecución e o asasinato. Reclamamos que a cruz do Castro non cumpra nin un ano máis en pé, porque após case tres décadas desde a fin da ditadura franquista, ofende o seu mantemento nun lugar tan emblemático da nosa cidade. Non é tampouco esta unha iniciativa contra ninguén, senón en favor da convivencia democrática que só pode asentarse no respecto, dignificación e reparación das vítimas dun réxime totalitario e brutal.

Após case catro anos desde a aprobación da Lei da Memoria Histórica, insuficiente pero imprescindíbel, entendemos que non hai excusa nin argumentos para que o Concello de Vigo proceda a retirar este monumento.

É por iso que desde a Federación Veciñal e a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 facemos un chamamento a todas as organizacións sociais, políticas e sindicais, a toda a xente de ben, a sumarse a esta iniciativa para botar abaixo dunha vez por todas ese símbolo que nos ofende e que non representa a ninguén.  Para reclamar do Concello de Vigo a vontade política que inda non tivo para atender esta demanda social.

A tal efecto convocamosvos a asistir a unha xuntanza aberta a todos os colectivos e organizacións que desexen participar, o vindeiro mércores 7 de setembro ás 20:30h nos locais da Federación Veciñal (Praza da Princesa 7-2º), para concretar o acto do vindeiro 14 de setembro.


Un saúdo.