MANIFESTO
(ACTO EXTERIOR “MARCO”)
Ningúen se inventa de novo cada día. As persoas e as sociedades
necesitan da memoria para saber o que son, para saber de onde veñen a ata
incluso para ter algunha idea a propósito de onde ir. Hai unha época do noso
pasado non tan pasado sobre a que caeu durante moitos anos a pesada lousa do
olvido. A longa noite de pedra do
franquismo agochou feitos, nomes e
lugares en relación coa represión que seguíu ó golpe de Estado contra a
República o 18 de xullo de 1936.
Neste mesmo lugar, que hai máis de 70 anos era Pazo de
Xustiza, cárcere e cuartel, o cuartel no que tiña a súa sede a máxima
autoridade militar de Vigo, o comandante Felipe Sánchez, neste mesmo lugar,
pola tarde do día 19 de xullo de 1936 imprimiuse
o bando que ía declarar ó día seguinte a rebelión da guarnición militar de Vigo
contra a República. Daquela, proclamar o bando de guerra, anular a
autoridade lexítima da República e comezar a represión foi todo un. A media
mañá do 20 de xullo de 1936, na Porta do
Sol, cando un piquete de soldados ás ordes do capitán Carreró lía o bando
de guerra contra a República, caeron as
primeiras vítimas entre os que non querían que as armas cambearan o que
facía uns meses decidiran as urnas. Os
que perderan as eleccións en febreiro de 1936
impuñan coa forza das armas un
cambio político que ía traer cárcere, morte e olvido para os que escolleran ser
fieis a República e defender a legalidade constitucional.
Neste mesmo lugar no que hoxe
estamos, un mes despois, o 22 de agosto
de 1936, tivo lugar o proceso máis
importante dos que se seguiron na nosa cidade contra dirixentes da Fronte
Popular. Ós cinco días daquela farsa xudicial, o 27 de agosto de 1936, dez homes, pagaron coa súa vida a lealdade
á República.
Fracasado o golpe de Estado contra a República, a guerra civil serviu
para que os que sublevaron contra ela limparan a fondo o país e puideran
xustificar como actos de guerra a cacería humana e a represión salvaxe que
comezou coa guerra e seguiu despois dela. A xeografía daqueles lugares da
represión debe ser sinalada como lugares de memoria.
Por rigor histórico, non podemos
reconstruir o noso pasado esquecendo aquel tempo de cacería humana, os
nomes das vítimas e os lugares onde morreron asasinados.
Por saúde mental, non podemos preferir o
olvido a memoria. Unha sociedade democrática madura cando asume tanto as
luces coma as sombras do seu pasado.
Por xustiza, no podemos esquecer a xente
que neste país deu a súa vida por defender a lei, non podemos esquecer as
familias que durante moito tempo foron sinaladas por seren fillos, maridos ou
mulleres dos “roxos”. Non podemos esquecer a humillación e o medo que se
instalaron nas súas vidas.
Hoxe
son os historiadores e as asociacións pola memoria histórica os que estamos
enchendo o insoportable baleiro que creou a ditadura e logo mantivo a
democracia. Temos que encher este baleiro cos nomes das vítimas e os lugares
nos que morreron asesinadas porque hai unha batalla que non podemos perder, a
batalla contra o olvido.
Nin cremos que a guerra civil fora inevitable,
nin que todos foran iguais nin estamos cunha tímida lei de memoria histórica.
Porque
recuperar a memoria non abre feridas, senón que as cerra; porque non queremos
ter na nosa historia recente páxinas en branco; porque non hai árbore que medre
sen raíces; porque non queremos ser cómplices dun pacto de silencio e porque
estamos convencidos de que unha sociedade xusta e democrática non pode
construir o seu futuro negando o seu pasado, a “Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 quere sinalar
hoxe este lugar de memoria para coñecemento da cidadanía dos feitos que nel
ocurriron e quere con este acto facer unha vez máis presente a memoria das vítimas daquela barbarie e o facemos pola
súa memoria e pola nosa memoria.
-AUTOR: Antonio Giráldez Lómba (Historiador)
Ningún comentario:
Publicar un comentario