Petición creada por Fundación Alexandre Bóveda
A primeira vez que os dereitos e liberdades
nacionais do pobo galego foron recoñecidas xurídica e políticamente
incardináronse dentro do marco constitucional da IIa República española, coa
abrumadora maioría social que permitiu plebiscitar o Estatuto de Autonomía
galego o 28 de Xuño de 1936.
Poucas semanas máis tarde producíuse a
sublevación violenta dun segmento das forzas armadas do Estado español,
instigada e apoiada por sectores reaccionarios e organizacións políticas
paramilitares de ideoloxía fascista, contra do réxime constitucional da IIa
República e do seu lexítimo goberno, saído das eleccións democráticas celebradas
en Febreiro do mesmo ano de 1936; gañadas polo Frente Popular.
Logo desa sublevación anticonstitucional e
antidemocrática, milleiros de cidadáns e cidadás, galegos e galegas,
nacionalistas ou non; mais demócratas en todo caso, e todos e todas leais e
fieis ao réxime constitucional republicano, ás liberdades democráticas vixentes
e máis ao Estatuto de Autonomía de Galiza xa plebiscitado, foron asasinados/as
sen xuízo previo ou executados/as por sentenzas de tribunais títeres das forzas
sublevadas. Outros/as, coñecidos/as popularmente como fuxidos/as, pasaron á
resistencia armada na guerrilla antifranquista e foron perseguidos/as durante
décadas até o seu completo exterminio. Moitos/as máis aínda padeceron o exilio
e, nel, seguiron a loitar polo restablecemento das liberdades individuais e
colectivas do pobo galego e pola reconstitución dun réxime democrático en Galiza
e no Estado español.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura
emblemática para todas as persoas que seguiron a loitar por esa causa no exilio
até a súa morte, inmortalizou simbolicamente no seu álbum “Galicia Mártir” a
todas as vítimas da represión fascista en Galiza durante a Guerra de España. A
máis representativa delas á súa vez, a quen Castelao adicou o seu testamento
político, o libro “Sempre en Galiza”, e máis a quen el ergueu á categoría de
símbolo de todas no seu descurso “Alba de Gloria”, foi Alexandre Bóveda
Iglesias, dirixente do Partido Galeguista, vítima dun proceso irrisorio e
aldraxante en Pontevedra e fusilado na Caeira o 17 de Agosto de 1936.
Na citada colección de estampas existe unha que
foi enormemente difundida, coñecida e comentada, que se denomina “A derradeira
lección do mestre” da que os/as coetáneos/as de Castelao, os/as seus/súas
colaboradores/as, persoas que coñeceron e que mesmo estiveron ao pé del nos
momentos nos que éste compuxo o álbum, afirmaban que a persoa que xace morta no
chan ten a faciana e os trazos exactos de Bóveda.
Castelao fíxolle así unha primeira homenaxe a
un home cristián e crente que á hora de tomar unha decisión entre as súas
crenzas individuais, aplicadas miméticamente aos esquemas ideolóxicos, sociais e
políticos da época, ou a lealdade ao seu país, optou por manterse fiel ao
insobornábel compromiso político de liberdade da súa Patria.
Bóveda fixo da Vila de Pontevedra un escenario
privilexiado para desenvolver os seus proxectos. Alí uníronse Castelao e Bóveda
e xuntos participaron de andainas sociais, culturais e políticas nunha das
etapas máis fecundas da historia da cidade capitalina: fixeron parte da Coral
Polifónica; colaboraron no proxecto reformista de Daniel de la Sota -Presidente
da Deputación de Pontevedra-, do que xurdirían empresas de longo percorrido coma
o Museo de Pontevedra, a Misión Biolóxica de Galiza -dirixida por Cruz
Gallástegui Unamuno-, as Pensións Artísticas da Deputación -que deron unha
extraordinaria xeración de artistas-, mais sobre todo a Caixa de Aforros
Provincial de Pontevedra, obra persoal dun novísimo Alexandre Bóveda, que en
1930 foi nomeado primeiro Director da institución con tan só 26 anos.
Alexandre Bóveda, xunto a Lois Tobío, Carvalho
Calero e Vicente Martínez-Risco, foi o vertebrador do Anteproxecto de Estatuto
que elaborou o Seminario de Estudos Galegos; defendéndoo na decisiva Asemblea de
Concellos celebrada en Compostela do 17 ao 19 de Decembro de 1932, e asumindo a
responsabilidade e a tarefa histórica de impulsar o laborioso proceso de
aprobación do propio texto estatutario, culminado finalmente co apoio cidadán
maioritario no referendo do 28 de Xuño de 1936.
Logo do levantamento militar fascista de Xullo
de 1936, Bóveda foi xulgado no Salón de Plenos da Deputación Provincial de
Pontevedra e, acusado de traizón, foi condenado a morte; cumpríndose a sentenza
co seu fusilamento na mañá do 17 de Agosto de 1936 na Caeira (Poio). Esta
condena a morte e o posterior asasinato de Alexandre Bóveda constitúen unha
inxustiza histórica que debe ser reparada mediante a recuperación e a
rehabilitación institucional da súa figura, así como a divulgación do seu
inxente traballo a favor da causa da liberdade, da democracia e do progreso de
Galiza.
Nos últimos anos sucedéronse distintos acordos
institucionais que tiñan como obxectivo o recoñecemento da figura humana e
política de Alexandre Bóveda: a homenaxe institucional do Concello de Poio, o
nomeamento por aclamación como Fillo Predilecto de Ourense, adoptado na
Corporación Provincial ourensá, e máis recentemente o nomeamento de Fillo
Adoptivo da Cidade de Pontevedra, xunto coa concesión da medalla de ouro de
Pontevedra, polo que, con esta petición, demandamos do Parlamento de Galiza que
honre a todas as persoas mártires da liberdade na Historia do pobo galego,
institucionalizando como Día da Galiza Mártir o 17 de Agosto, cabodano da morte
de quen Castelao converteu en símbolo de todas elas, o cidadán galego Alexandre
Bóveda Iglesias, e máis a rehabilitación pública e política do propio Bóveda e
de todos/as os/as mártires da liberdade que él mesmo simboliza na memoria
histórica e democrática do noso pobo.
O Parlamento é a Cámara de representación de
todos os galegos e galegas e, daquela, demandamos dela que recoñeza a Bóveda e a
todos/as os/as mártires galegos, como unha institución que represente
verdadeiramente ao noso pobo, na referencia aos valores humanos e democráticos
que fican mentados.
Por todo o anterior, ao abeiro do disposto no
Artigo 4.1 da Lei Orgánica 4/2001, de 12 de Novembro, reguladora do Dereito de
Petición, instamos ao Parlamento de Galiza:
.- A declarar e instituir como “Día da Galiza
Mártir” o día 17 de Agosto de cada ano, con carácter de celebración nacional na
Comunidade Autónoma de Galiza e xornada non laborábel no seu ámbito territorial,
en memoria e homenaxe de todos/as os/as cidadáns e cidadás galegos/as que deron
a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen as liberdades e dereitos
democráticos e nacionais do pobo galego, plasmados dentro do marco
constitucional daquela vixente, no 1o Estatuto de Autonomía de Galiza,
plebiscitado o 28 de Xuño de 1936.
.- A incoar a revisión do proceso seguido e
condena a morte ditada contra o dirixente do Partido Galeguista, Alexandre
Bóveda Iglesias, por un tribunal das forzas antodemocráticas sublevadas contra
do réxime constitucional da IIa República española, e executada en Poio o día 17
de Agosto de 1936.
.- A rehabilitar, de xeito institucional,
pública e políticamente a figura de Alexandre Bóveda Iglesias e, simbólicamente
expresada nela, a de todos/as os/as cidadáns e cidadás mortos/as en Galiza, a
partires de Xullo de 1936, en defensa da mesma causa pola que foi executado
Bóveda.
.- A promover institucionalmente a celebración
de actos protocolares da devandita rehabilitación pública e política para o
primeiro “Día da Galiza Mártir” que se conmemore.
Pontevedra, 17 de Agosto do
2013.
Podedes asinar esta petición no seguinte enlace:
Ningún comentario:
Publicar un comentario